viernes, 30 de marzo de 2012

Ausencia ao pleno do 29_M en apoio á folga e valoración do RD 4/2012 [pleno-marzo 12].

Foto: CIG.
As persoas representantes do nacionalismo en Sober como xesto de apoio á folga xeral non foron ao Pleno ordinario do Concello celebrado o xoves 29 de marzo.

O éxito do paro, sobre todo en Galiza, con manifestacións históricas nas cidades, non vén máis que a confirmar o rexeitamento social dunha Reforma Laboral feita a medida do gran empresariado e contra as clases traballadoras. Por iso, cómpre seguir na loita pola súa derrogación, á que a Asemblea Nacionalista de Sober vai contribuír cunha moción no Concello e coa divulgación do contido da reforma entre a cidadanía.

Un dos puntos a tratar no Pleno celebrado o día da folga foi a relación de obrigas pendentes de pago do Concello de Sober conforme ao Real Decreto Lei 4/2012 de 24 de febreiro, que permite financiar o pago aos proveedores das entidades locais. A Asemblea Nacionalista de Sober consideramos que é unha medida conxuntural que non incide no problema de fondo que é a insuficiencia económica dos Concellos, no que Sober é un exemplo de cómo cada ano se recorre a procedementos de recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar facturas do ano anterior para as que non se dispoñía de crédito suficiente. Por outra parte, o mecanismo de financiación non é un aporte de cartos aos concellos, senón a posibilidade de acollerse a unha liña de crédito que deberán reembolsar a longo prazo, co cal simplemente se apraza o problema do endebedamento municipal.

Sobre este tema, recomendamos o artigo "Rescatar a los bancos del 1%, no a los ayuntamientos del 99%".

martes, 27 de marzo de 2012

Moción contra a Reforma Laboral e apoio á Folga Xeral do 29-M [pleno-marzo 12].


A Asemblea Nacionalista de Sober tén elaborada unha moción para presentar no vindeiro pleno ordinario para o rexeitamento da Reforma Laboral aprobada polo goberno do PP, pero a xente nacionalista de Sober non irán ao pleno municipal convocado para o xoves 29 de marzo amosando así o apoio á Folga Xeral convocada polo sindicalismo para ese día.

- Texto da moción -  

A administración central vén de aprobar unha reforma do réxime laboral que suporá un cambio sustancial no réxime das relación laborais. Estas medidas non van contribuír á creción de emprego nin a mellorar a estabilidade laboral, senón que do que do que se trata é de aplicar unha rebaixa nas condicións laborais poñendo como escusa a crise económica.

Da leitura desta reforma podemos interpretar, ao noso modo de ver, tres ideas clave…

1.- O abaratamento do despido como forma de alixeirar os custos de explotación en circunstancias adversas.

2.- A destrución progresiva dos dereitos laborais, da existencia do dereito do traballo ou da defensa e proteción de traballadoras e traballadores.

3.- A redución de salarios para obter beneficios pola vía da explotación e non polo aumento da produtividade.

Esta reforma laboral baseada nos recurtes e na eliminación de dereitos o que fai é burlarse da loita de traballadores e traballadoras que ao longo da historia defenderon unhas condicións laborais dignas. O que queren acadar é que o despido sexa máis barato, pasando de 45 a 33 días de salario por ano de servizo, cun máximo de 24 meses cando antes era de 42, aforrándose así os salarios de tramitación que corresponden, e por se non fose dabondo poderase despedir só con acreditar unha disminución de beneficios ou facturación en tres trimestres consecutivos, cando case todas as empresas están neste caso hoxe en día.
Por estes motivos, e sendo conscientes de que só en Sober non imos a ser capaces de derogar esta lei, sí podemos iniciar unha protesta por todos os concellos do País para tratar de acadalo. Polo tanto, a xente nacionalista de Sober, a través da concelleira Paula Vázquez Verao, solicita ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes acordos.

- Instar ao Goberno á derrogación desta norma e trasladar este acordo ao Parlamento Galego e ao Congreso dos Diputados.

Sober, 26 de marzo de 2012.

* Ligazón Folga Xeral do 29 de marzo - CIG

viernes, 2 de marzo de 2012

Acordo de constitución da Asemblea Nacionalista de Sober a partir do BNG de Sober.

A Asemblea Local do BNG de Sober, reunida o 28 de febreiro de 2012, acordou, por unanimidade, que continúen como concelleiro e concelleira nacionalistas de Sober as persoas que actualmente o son – Alfonso Campos Pérez e Paula Vázquez Verao –, sexa cal sexa a decisión de militar ou non no BNG. Paula Vázquez Verao cursou a súa baixa no BNG o 1 de marzo.

A Asemblea Local do BNG de Sober decidiu constituírse en Asemblea Nacionalista de Sober, na que se integrarán todas as persoas nacionalistas e de esquerdas de Sober, tanto a xente que curse baixa do BNG, como as que vaian quedar na organización ou coma as persoas simpatizantes. Esta asemblea seguirá a funcionar segundo un modelo asembleario, en base a consensos, respectando o pluralismo e onde cada persoa conte, milite onde milite.


A nosa prioridade seguen a ser os problemas das maiorías sociais de Sober, e niso seguiremos a traballar. No inmediato, divulgaremos o retroceso nos dereitos da clase traballadora que supón a nova reforma laboral, a través dunha moción, ou denunciaremos os recurtes nos servizos públicos, nomeadamente na Sanidade, que tamén repercuten directamente en Sober no noso Centro Médico.


Continuaremos defendendo o programa electoral polo que nos presentamos ás eleccións municipais (consultar aquí), e mantendo a dinámica de respostar ás demandas sociais mediante o diálogo aberto, xuntanzas veciñais, asembleas abertas, etc, organizándonos a través da Asemblea Nacionalista de Sober, aberta a aquelas persoas soberinas nacionalistas de esquerdas que o desexen.