martes, 27 de agosto de 2013

O paso da "Vuelta" por Sober



Cando, supostamente, non hai fondos para gastos sociais nin para a promoción do deporte e a cultura galega, nin para a investigación e o ensino público, as distintas administracións gastaron cartos – non sabemos aínda exactamente cantos – para que a Vuelta pasara por Galiza.

Parécenos interesante que a xente afecionada ao ciclismo poida desfrutar de ver aos ciclistas de perto, pero a cuestión é que, en moitos casos, carecemos de infraestruturas deportivas adecuadas, non hai fondos para o deporte de base e deixouse morrer o proxecto de equipo ciclista profesional galego.
Non tería sido mellor empregar eses fondos do paso da “Vuelta” por Galiza en promoción real do deporte galego e das súas seleccións?

En Sober, no pleno no que falamos sobre o paso da “Vuelta” polo territorio do noso municipio – dende onde sae unha das etapas – pedimos que se aproveitara o evento para facer unha promoción turística seria da zona, mais nin sequera se reuniu a comisión de Turismo. Sí destacamos como positivo as actividades deportivas que se promocionaron con motivo da Vuelta, ese debe ser o camiño o seguir: a promoción real do deporte.

Tempo haberá para valorar os distintos aspectos do paso da Vuelta por Sober. Hoxe, 28 de agosto, será un día para que as persoas amantes do deporte desfruten do ciclismo profesional, mais tamén é día para non esquecer os recortes de fondos públicos en servizos básicos, a falta de apoio ao deporte por parte das distintas administracións, o desastre dos lumes en Galiza, a situación de Siria, a desesperación de millerios de familias que non poden chegar a fin de mes... E tampouco esquecemos os deliberados esforzos de españolización do noso País.