viernes, 27 de septiembre de 2013

Aprobada homenaxe institucional ás vítimas do fascismo en Sober pero rexeitada a placa conmemorativa


Finalmente, o pleno (do 26 de setembro de 2013) rexeitou - cos votos do PP - a placa conmemorativa para as vítimas do fascismo en Sober, solicitada na nosa moción.
Con todo, aprobouse - e en Sober é un paso histórico - facer a homenaxe institucional e editar un díptico conmemorativo.

Seguiremos a pedir a placa, pois o feito merece tal simbólica lembranza, pero non deixamos de sentir certa ledicia, por canto outras iniciativas deste tipo en anteriores lexislaturas nin sequera se consideraron e porque, mesmo o día de constitución do pleno en 2011, cando a voceira do grupo nacionalista, Paula Vázquez Verao, quixo lembrar aos concelleiros da corporación do 36 asasinados, unha pequena parte do público asistente lle "bufou".

Así, sentímonos co orgullo de, coa nosa loita de anos pola memoria das vítimas do 36 en Sober, ter contribuído a este primeiro paso de recoñecemento.

miércoles, 25 de septiembre de 2013

Por que non un Centro de Día en Sober?


No pleno do xoves, faremos este rogo - xa presentado por escrito - , para que se teña en conta.

"Que o Concello de Sober inste á Xunta de Galicia á considerar prioritaria a dotación dun Centro de Día público localizado no municipio de Sober, polas súa necesidade en razón do envellecemento demográfico e a situación de dependencia de numerosas persoas do concello.

Un Centro de Día proporcionaría necesarios descansos ás persoas coidadoras de maiores dependentes, posibilitaría o desenvolvemento do traballo fóra da casa de coidadores e coidadoras e crearía un ámbito de sociabilidade para persoas maiores que se atopan practicamente soas en núcleos de poboación."

martes, 24 de septiembre de 2013

Anova pide un recoñecemento explícito das vítimas mortais do fascismo en Sober

Daniel Álvarez Carnero, executado por "rebelión militar" por defender a legalidade republicana.
A través dunha moción - rexistrada hoxe, 24 de setembro, pola concelleira Paula Vázquez Verao - Anova pide que o Concello financie a "colocación dunha placa conmemorativa cos nomes das persoas naturais de Sober e/ou veciñas da localidade que foron vítimas mortais documentadas do fascismo".

O texto da moción incide no deber moral de que a Corporación municipal se recoñeza "na lexitimidade democrática da Corporación municipal elixida por sufraxio universal en febreiro de 1936, da cal os concelleiros pagaron coa vida, co exilio e con diversas penas o seu exercicio da política."

Texto literal da MOCIÓN:

 
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O 18 de xullo de 1936 produciuse un golpe de estado militar contra o goberno da República española.
A resultas deste, o territorio do Estado español quedou dividido en dúas zonas, unha baixo a autoridade do exército sublevado e outra baixo a autoridade das organizacións sindicais e dos sucesivos gobernos republicanos, coa lexitimidade das Cortes da República, que foran elixidas por sufraxio universal en febreiro de 1936.

Galiza quedou, a poucos días do 18 de xullo, sometida á autoridade militar dos sublevados e ao terror das partidas falanxistas.
Sen haber fronte de guerra en Galiza, documéntanse no noso país 4.699 vítimas con resultado de morte e milleiros de persoas encarceradas e obrigadas ao exilio.

As investigacións sobre a ideoloxía e proceder dos sectores que apoiaron o alzamento militar de 1936 e a represión posterior revelan unha vontade xenocida, de exterminio consciente “do outro”, “da outra”, de toda aquela persoa que non se adecuase aos roles sociais da sociedade tradicional, ben foran mulleres socialistas, campesiños anarquistas ou intelectuais galeguistas.

En Sober, as vítimas mortais foron catorce persoas e ducias as vítimas da represión e do encarceramento, contando o noso concello cunha das taxas de persoas apresadas sobre o total da poboación máis elevadas de Galiza.

A vitoria do bando sublevado supuxo a consolidación dun réxime político, o Franquismo, cuxa lexitimidade se asenta nun golpe de estado e nunha vitoria militar – apoiada polas potencias fascistas europeas – para a cal se perpetraron as maiores atrocidades contra a poboación civil.
Os mecanismos do novo réxime para forzar o consenso e consentemento por parte da poboación foron a represión política e social, a tortura, o asasinato político – até o propio ano da morte do dictador -, e os mecanismos de manipulación de masas, vía medios de comunicación e no sistema de ensinanza, coa axuda da Igrexa católica.

Tras a morte de Franco, a Ley para la Reforma Política plantexa a reforma do réxime dende dentro, culminado no proceso de transición pactada e redacción da Constitución plebiscitada en 1978. A xefatura do Estado recae na persoa nomeada por Francisco Franco en 1969 como “sucesor a título de rey”, en virtude da Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado de 1947.

O réxime xurdido da Transición – ou da “segunda restauración borbónica” - declinou investigar os crimes cometidos polo réxime franquista e a axuda e recoñecemento das vítimas do franquismo foi escasa até a Ley de Memoria Histórica do ano 2007, actualmente sen efecto.

Na actualidade, e ao amparo dunha crise económica e social gravísima, re-aparecen no Estado español actitudes incompatibles co Estado de Dereito, sexan actividades de grupos neonazis ou a frivolización e xustificación da violencia franquista por parte de persoas de NNGG e do PP, actitudes non reprobadas e saldadas con multas ridículas – como o ataque fascista á sede da Generalitat en Madrid, a 300 euros por cabeza – en contraste co acoso a movementos sociais e coas penas desproporcionadas a cidadáns galegos aos que se lle imputan delitos de terrorismo amparándose na suposta existencia dunha organización terrorista non noso País, e buscando xerar alarma social así como identificando ás organizacións políticas de esquerda nacionalista con métodos que rexeitamos.

A Corporación Municipal de Sober, malia que elixida conforme ás leis do réxime constitucional vixente, xurdido do franquismo, debe eticamente recoñecerse na lexitimidade democrática da corporación municipal elixida por sufraxio universal en febreiro de 1936, da cal os concelleiros pagaron coa vida, co exilio e con diversas penas o seu exercicio da política.
Ademais, as institucións públicas de Sober, por dignidade democrática, deben lembrar ás ducias de persoas naturais e veciñas de Sober que sufriron a represión directa do franquismo.

María Vázquez Suárez, mestra socialista e feminista "paseada" en Pontedeume.
Por todo o anterior, solicítase do Pleno a adopción do seguinte

ACORDO

- O Concello de Sober financiará a colocación dunha placa conmemorativa cos nomes das persoas naturais de Sober e/ou veciñas da localidade que foron vítimas mortais documentadas do fascismo e que son as seguintes catorce persoas:

- José Benito Mantilla González, labrego de 63 anos veciño de Rosende, cadáver aparecido na estrada de Monforte a Escairón o 25 de agosto de 1936. Concelleiro en Sober.

- Victoriano Rodríguez Díaz, xornaleiro de 38 anos veciño de Neiras, asasinado en Monforte o 24 de xullo de 1937.

- Ramón Rodríguez Fernández, rapaz de 18 anos, asasinado en Vilamelle o 28 de agosto de 1936.

- Severino Rodríguez Soto, zapateiro de 23 anos, veciño de Doade, asasinado na Pobra de San Xiao o 20 de agosto de 1936.

- José González Conde, veciño de Proendos, morto o 26 de xullo de 1936 no asalto de militares e falanxistas ao centro obreiro de Sober.

- Antonio Gallego Teimoy, labrego de 50 anos (natural do Incio), asasinado o 3 de agosto de 1938.

- Rosendo Macía, veciño de Vilaescura, asasinado o 1 de decembro de 1936 en Ourol.

- Daniel Álvarez Carnero, veciño de Proendos de 33 anos, executado o 29 de decembro de 1936 en Lugo. Concelleiro en Sober.

- Pedro Gonález Castro, mozo de 23 anos (natural de Vigo), executado o 17 de marzo de 1937 en Lugo.

- Manuel Gutiérrez Fernández, carpinteiro de 58 anos, executado o 7 de outubro de 1936 en Lugo.

- Edmundo Pérez Díaz, ferroviario de 34 anos veciño de Canaval, executado o 17 de xuño de 1937 en Lugo. Concelleiro en Sober.

- María Vázquez Suárez, mestra de 33 anos de familia de Vilaescura, asasinada o 19 de agosto de 1936 en Pontedeume.

- Manuel Rivas Piñeiro, peón de 24 anos natural de Sober, asasinado o 6 de outubro de 1936 en Ferrol.

- Maximino Fernández Rodríguez “Canaval”, ferroviario de 36 anos asasinado o 12 de agosto de 1936 en Chapela.

- A placa tamén lembrará “a todas as vítimas da represión”.

- Organizarase unha cerimonia cívica de homenaxe e de descubrimento da placa.

A moción foi presentada por Paula Vázquez Verao para a súa consideración no pleno ordinario do 26 setembro ou, de non considerarse, no seguinte.

lunes, 23 de septiembre de 2013

Pleno ordinario de setembro de 2013: taxa de matrimonios civís e diversos rogos, mocións e preguntas.


Convócase pleno ordinario do Concello de Sober para o 26 de setembro de 2013 (xoves) ás 20 horas cos seguintes puntos na ORDE DO DÍA, que pasamos a explicar.

1º - Aprobouse a acta anterior por unanimidade.
2º - Deuse conta dos decretos da alcaldía dende a última sesión.
Entre estes:
- convenio coa Consellería de Medio Ambiente para adecuación e integración paisaxística dos miradoiros.
- solicitude de subvención para actividades da mocidade.
- adxudicación da obra da 1ª fase da urbanización da Travesía de Belán.
- adxudicación de obras de renovación de instalacións de iluminación exterior.
- licencia de apertura de tanatorio.

3º - Aprobáronse os festivos locais para o ano 2014, cos votos a favor do PP e a abstención da oposición.
- Romaría de Cadeiras: 8/9/2014
- Festas de Sober: 22/9/2014

4º - Deuse conta ao Pleno do informe de Execución do orzamento (2º trimestre).

5º - Modificación de crédito: suplemento de crédito por maiores ingresos para amortización de préstamo. Só o PP votou a favor.
Os maiores ingresos por recollida de lixo e licencias de obras trasladaranse á partida destinada a amortización de créditos, seguindo as directrices da "troika" de utilizar o superávit non financeiro para amortizar a débeda cos bancos.
Son en total 31.194,14 €.
6º - Conta Xeral de 2012. Só o PP votou a favor.

7º - Aprobación inicial da ordenanza fiscal da taxa pola celebración de matrimonios civís, que se aprobou por unanimidade.

Pola alcaldía, proponse: 

* Por cada matrimonio no que alomenos un dos contraíntes figure inscrito no padrón municipal de Sober, a taxa será de 50 euros.
* Por cada matrimonio no que ningún dos contraíntes figure inscrito no padrón
municipal de Sober, a taxa será de 100 euros.

Paula Vázquez Verao formulou unhas modificacións na ordenanza que foron aceptadas:
- corrixirase a linguaxe e redactarase con linguaxe inclusiva: "persoas constraíntes" por "os contraíntes".
- estabelecerase unha cota reducida ou exención para persoas con rendas baixas (farase previo informe dos servizos sociais).
- indicarase que para acollerse á taxa de empadroad*s, a persoa deberá figurar inscrita polo menos cun ano de antelación.
OUTROS ASUNTOS

* Aceptouse por unanimidade iniciar os trámites declaración de Sober como municipio de interese turístico.
- MOCIÓNS PRESENTADAS POR PAULA VÁZQUEZ VERAO

* Anova pide un recoñecemento explícito ás vítimas mortais do franquismo en Sober. Ver aquí. A moción foi aprobada. Ver aquí.
- ROGOS E PREGUNTAS PRESENTADAS POR PAULA VÁZQUEZ VERAO

* Que tipo de contrato teñen as persoas traballadoras contra os incendios no Concello de Sober?
A pregunta vén motivada pola volta á contratación de persoal anti-incendios polos concellos, feito criticado polos sectores profesionais da loita contra os lumes, polo risco de desprofesionalización, descoordinación e sistema caciquil de contratación.

* Sobre as realizacións e condicións de traballo da brigada de prevención e defensa contra incendios forestais do Concello de Sober.
Segundo o convenio entre as entidades locais e a Consellería de Medio Rural que estabelece o PLADIGA, os traballos destas brigadas “consistirán en actuacións manuais en vías e camiños forestais, áreas cortalumes e faixas de xestión de biomasa mediante roza, rareo e eliminación de restos, cun mínimo de 5 has nos tres meses de operatividade da brigada ou a súa parte proporcional... As brigadas colaborarán prioritariamente con respecto a outros traballos na defensa contra os incendios forestais integrándose no dispositivo do Distrito Forestal onde se sitúe o concello...” Así, Paula Vázquez Verao preguntou:

Cales foron as actuacións máis importantes que se realizaron por parte da brigada municipal en materia de prevención este ano 2013?
Foi necesario que a brigada do Concello de Sober colaborase na defensa de incendios do noso Distrito Forestal?
Cales son as condicións laborais do persoal da brigada municipal? 

Respondeuse que a brigada comezou a traballar o 18 de xullo e rematou o 16 de outubro.
O horario é:
4 días de mañá - 2 de descanso
4 días de tarde - 2 de descanso
4 días de noite - 2 de descanso
O salario: 945 € brutos ao mes (peón) + 15 € (chófer) + 120 € (xefe de brigada)
Participaron incendios da comarca e en Sober as principais actividades foron as de desbroce.


* Que se considere prioritario un Centro de Día público en Sober. Ver aquí.

* Que se sinale o castro da Cividade, cun panel explicativo sobre o castro, situado a pouca distancia do miradoiro da Cividade, con moitas persoas que o visitan. 
A Alcaldía sinalou que se ía facer.

* - Sobre os servizos de Medicina e ATS no Centro de Terceira Idade de Sober.
Segundo a ORDE do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, “garantirase a vixilancia e coidado da saúde dos residentes por persoal cualificado para esta función. Os centros cun número inferior a 40 prazas asistidas deberán contar coa presencia localizada de médico e ATS ou DUE durante as 24 horas. Aqueles cun número superior de prazas asistidas, ademais da presencia localizada do persoal médico, deberán contar coa presencia física do ATS ou DUE as 24 horas."
Conta a residencia da Terceira Idade de Sober cos requisitos esixidos en vixilancia e coidado da Saúde segundo as súas características?
O alcalde respondeu que a residencia é privada, pero que si conta cos requisitos esixidos, pois hai 50 persoas internas e delas son 35 as asistidas, polo tanto inferior a 40 prazas. Só hai dúas persoas facendo noites na residencia. 

Terreos para ampliación de cemiterio e pregunta á Deputación polas plataformas de embarcación no Sil [pleno - xullo 13]


O pleno acordou ceder ao obispado de Lugo un terreo para ampliación do cemiterio parroquial de Sober, coas seguintes condicións:
- que no caso de non ser destinado á finalidade de cemiterio, se revertirá ao Concello de Sober.
- que o proxecto de obra será obxecto de valoración por parte do Pleno.
- a venda de nichos estará suxeita a uns límites no prezo, evitando a especulación.

ROGOS DE PAULA VÁZQUEZ VERAO

* Que se realice un acto de memoria da lingua das persoas que xacen nos cemiterios parroquiais de Sober: "En galego agora e sempre". Ver proposta aquí.

* Que o goberno local pregunte formalmente á Deputación polas causas de non ter feito a plataforma para o catamarán nos Chancís e, así mesmo, que se solicite o arranxo da plataforma instalada en Chanteiro para o catamarán, inservíbel tal e como está.