viernes, 28 de marzo de 2014

Debateuse a moción polo emprego da CIG no pleno de Sober, cos votos a favor da oposición e rexeitada polo PP


Onte, no pleno ordinario de Sober do 27 de marzo de 2014, debateuse a moción da CIG a prol do emprego, coas medidas recollidas na ILP polo emprego que impulsa este sindicato (aquí).

A moción foi rexeitada cos 7 votos en contra do PP - que chegou a afirmar que as reformas laborais realizadas contribúen a crear emprego - e cos 4 votos a favor da oposición, que argumentaron o seu voto positivo estando de acordo coas medidas propostas pola CIG.

A concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao parabenizou a campaña da CIG de socialización das medidas a prol do emprego e amosouse de acordo coa liña de medidas da CIG, que inciden na necesidade de que a Xunta de Galiza exerza as súas competencias en materia de emprego e que poña a política económica ao servizo da maioría social, e non das finanzas, resaltando e necesidade dunha banca pública galega.

A intervención pódese escoitar aquí.

viernes, 21 de marzo de 2014

Experiencia positiva no inicio do proceso de creación do Consello Sectorial de Turismo

 
Onte, 20 de marzo, celebrouse unha xuntanza dos grupos políticos municipais con axentes sociais relacionados co sector turístico, co obxectivo de ir perfilando a estrutura e funcións do Consello Sectorial de Turismo, órgano que se acordou crear en Sober a proposta da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao (ver moción aquí).

A idea que se baralla é que exista un plenario aberto e unha comisión operativa composta por unha persoa (polo menos) representante de cada sector relacionado co turismo: adegas, hostelería, etc.

Desta primeira xuntanza valorativa xa foron saíndo ideas interesantes, demostrando así o acerto da proposta de crear un órgano consultivo no que implicar á cidadanía e sector turístico no deseño da estratexia turística do municipio. Algo tan sinxelo como xuntarse a falar serve para avanzar en ideas útiles para o común das xentes de Sober e para o turismo en particular.

Así, a idea de que cómpre reivindicar dende o Consello de Turismo infraestruturas básicas, coma o arranxo dos pantaláns para embarcacións en Chanteiro e Xabrega ou o remate da estrada Sober-Doade, a necesidade de facer unha guía práctica que permita moverse por todo Sober e aproveitar todos os recursos turísticos, ter en conta os traballos que se teñen feito de sinalización GPS, mellorar o coñecemento exterior a través da rede, incentivar que as empresas relacionadas co turismo estén na rede...

E tamén serviu a xuntanza para estabelecer contactos entre as persoas que traballan no turismo no concello.

Iremos informando da marcha do proxecto, que se retomará despois da Feira do Viño de Amandi, que este ano cadra a 12 e 13 de abril.


viernes, 7 de marzo de 2014

Impulso á creación do Consello Sectorial de Turismo na Xunta de Portavoces


O 6 de marzo de 2014 reuniuse a Xunta de Portavoces dos grupos políticos do pleno de Sober para poñer en marcha a creación do Consello Sectorial de Turismo, aprobado pola corporación a proposta da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao.

Os grupos políticos municipais estamos de acordo nunha proposta consensuada para a creación do organismo, de xeito que sexa operativo e con participación cidadá, partindo da celebración dunha xuntanza previa aberta ás persoas e axentes intereados neste mesmo mes de marzo, de cara a poder levar a creación do Consello de Turismo ao pleno ordinario do 27 de marzo.

* A moción que se presentara para a creación deste Consello Sectorial pode lerse aquí.