viernes, 30 de mayo de 2014

Pleno ordinario de maio [maio - 2014]


Deuse conta dos decretos da Alcaldía dende a última sesión, entre os que se inclúe pedir unha subvención para infraestruturas de uso público, cofinanciada polo FEDER, para a "reforma e urbanización do entorno da Casa do Concello", cun orzamento de 49.932,37 €

Aprobouse - cos votos a favor do grupo PP e a abstención da oposición - a adhesión á plataforma Emprende3 para obter unha reducción no tipo de interese no préstamo de pago a proveedores.
No apartado de mocións, debateuse a presentada por Paula Vázquez Verao en contra la Lei de Telecomunicacións por invasión de competencias municipais (ver moción), que foi rexeitada cos 7 votos en contra do PP e os 4 votos a favor da oposición.
Noutros asuntos, a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao preguntou pola supresión da ubicación da mesa electoral en Canaval. Este ano, a mesa que se ubicaba en Canaval foi ubicada en Sober, votando nesta as parroquias de Canaval, Refoxo e Vilaescura. Quedamos en que para as vindeiras municipais se estudará por parte de todos os grupos municipais a ubicación das mesas electorais, tendo en conta que vai haber unha redución de votantes (non se permiten mesas de menos de 200 electores/as) e tratando de ubicalas de acordo coa veciñanza das parroquias e en lugares adecuados sempre que sexa posible. 
 
Paula Vázquez Verao tamén sinalou que o feito de ter tres mesas en Sober no mesmo espazo dificultaba as votacións, habendo momentos de aglomeracións e pouco espazo para garantir a tranquilidade. Ante isto, o goberno local coincidiu en que non debe volver haber tres mesas no mesmo espazo en Sober, que como máximo debe haber só dúas.
Tamén se valorou a posibilidade de solicitar para as vindeiras municipais transporte electoral gratuíto nos casos das parroquias que queden sen mesa electoral próxima.

Paula Vázquez Verao preguntou polas vantaxes das empresas con sede social en Sober nas contratacións de obras e servizos polo Concello. O goberno local informou que o procedemento é que, nas obras menores que non hai que sacar a concurso e que poidan realizar empresas de Sober, o sistema será tirar primeiro do rexistro público de empresas locais creado no Concello.

lunes, 26 de mayo de 2014

Europeas 2014: resultados en Sober. Abstención histórica en Sober. Resultados por mesas.


As eleccións europeas en Sober tiraron unha abstención histórica no noso municipio: o 48,30%, 1.095 persoas que non acudiron a votar.

Totais: SOBER

PP - 693 - 60,68%
PSOE - 183 - 16,02%
BNG - 75 - 6,56%
AGE-E - 63 - 5,51%
PODEMOS - 32 - 2,80%
C'S - 15 - 1,31%
OUTROS - 3,85%

Resultados por mesas: SOBER (8 mesas)

Grazas a toda a militancia nacionalista de Sober e simpatizantes por colaborar no dispositivo de apoderad*s que permitiu recoller os resultados de todas as mesas en tempo real.
Grazas a todas as persoas que votaron contra o bipartidismo.

lunes, 19 de mayo de 2014

Contra a lei de Telecomunicacións, que favorece ás grandes empresas e reduce o control público

Anova presenta a través da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao unha moción en Sober para instar a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei 9/2014 de telecomunicacións por invasión e baleirado e desapoderamento de competencias municipais.
O control público sobre as telecomunicacións é unha garantía democrática do dereito á información.
Coa nova lei estatal de telecomunicacións prímase o interese privado das grandes operadoras de telecomunicacións fronte ao interese común do control democrático das telecomunicacións e a costa da protección do medio ambiente, dos espazos históricos e da saúde das persoas.
Os concellos, administración máis próxima á cidadanía, perderán competencias nesta materia en beneficio dunha recentralización do Estado.

A moción, co argumentario completo é a seguinte:
  
MOCIÓN que presenta a Concelleira Non Adscrita, Paula Vaźquez Verao, ante o Concello-Pleno de Sober sobre a LEI 9/2014 DE TELECOMUNICACIÓNS

O pasado 10 de maio publicouse no BOE a Lei 9/2014, de Telecomunicacións, con entrada en vigor o 12 de maio de 2014.

Esta nova lei estatal supón unha recentralización competencial en materia de telecomunicacións, moi superior á extinta Lei 32/2003, e baleira completamente de contido as xa cativas competencias da Xunta que lle atribuía a recentemente aprobada lei autonómica Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galiza, que queda así baleira de contido.

Esta nova lei estatal abonda na liberalización das telecomunicacións - a maior gloria e beneficio das operadoras privadas - grazas á supresión ou limitación de controis administrativos e de protección ambiental ou urbanística para a súa autorización, posta en servizo ou modificación, mesmo con carácter retroactivo.
A lei abre a porta á colocación de infraestruturas de telecomunicación onde e cando queiran as operadoras, tamén en espazos naturais protexidos ou en zonas históricas. As xa cativas competencias municipais e autonómicas en relación cos plans de despregamento e implantación das telecomunicacións quedan reducidas ao mínimo, sendo o goberno do Estado quen asume dita función de control.

Ante esta recentralización do Estado en materia de telecomunicación, as forzas políticas defensoras do municipalismo debemos reclamar a presentación inmediata de recurso de inconstitucionalidade contra a lei estatal, para garantir o mellor control democrático do despregamento das infraestructuras de telecomunicacións.

No que afecta ás competencias municipais, destacamos o seguinte:

- A nova lei extende xeneralizadamente a execión de control preventivo municipal (licenza de actividade ou de funcionamento), incluíndo novos supostos.
Na Lei 12/2012 xa se suprimía o trámite de licenza municipal previa, pero exceptuando de dita exención os casos que ocupasen unha superficie superior a 300 m2 ou, tratándose de instalacións de nova construcción, aqueles que tiveran impacto en espazos naturais protexidos, no patrimonio histórico-artístico o no uso privativo e ocupación dos bens de dominio público. Coa nova lei, substitúense as licenzas municipais por declaracións responsábeis nos supostos de ter a operadora de telecomunicacións aprobado plan de despregamento, suprimindo as licenzas previas aínda que as actuacións afecten a Rede Natura ou ao patrimonio histórico e aínda que as actuacións ocupen máis de 300 m2. Ademais, as actualizacións tecnolóxicas nas instalacións en servizo (que non afecten aos mástiles) non requerirán autorización de ningún tipo. E ditos cambios teñen eficaza retroactiva, na medida en que as solicitudes en trámite poderán ser substituídas xa por declaracións responsables.

- Limítase extraordinariamente a potestade de instalación e explotación de redes polas administracións públicas, xa que, ademáis de que é o Estado quen mediante Real Decreto fixará as condicións, a propia lei (art. 9) precisa que dita explotación se subordina ao “ principio de inversor privado” e sempre e cando nos distorsionen a competencia e non exista interés de concurrencia no sector privado. A subordinación do público (interese público xeral) ao privado deixa en papel mollado o art. 128 da Constitución.

- Se os concellos quixeran solicitar información ás operadoras deberán solicitalo previamente ao Estado (art. 10.2); forma de información que, por riba, será fixada por Real Decreto do estado (art. 34.4).

- O art. 34 da nova lei estatal limita a potestade dos instrumentos de planificación (plans ou ordenanzas), en tanto en canto “ non poderán establecer restricións absolutas ou desproporcionadas ao dereito de ocupación do dominio público e privado dos operadores nin impoñer solución tecnolóxicas concretas, itinerarios ou ubicacións concretas nos que instalar infraestructuras de rede de comunicacións electrónicas”, disposición que excede do que ben fixando a Xurisprudencia ao respecto das competencias locais en materia do réxime de distancias das infraestruturas (por exemplo, antenas de telefonía) a zonas sensibles (colexios, hospitais, zonas verdes, centros históricos, etc), así como en relación coa potestade de fixación polas CC.AA de normas sobre os requisitos mínimos das instalación en relación coa competencia plena en materia de urbanismo e ordenación territorial. Así, os municipios vén limitada a súa capacidade de ordenación de distancias das infraestructuras de telecomunicación en relación a espazos sensibles (naturais, históricas, sociais).
Do mesmo xeito, o principio de sustentabilidade ambiental (e da correlativa obriga de empregar a máis eficiente tecnoloxía disponible) e a determinación pola Xunta das normas para que os proxectos das instalacións “minimicen o seu impacto sobre o contorno, a paisaxe, o ambiente e o patrimonio cultural” quedan borrados pola lei estatal.

- A obrigatoriedade de uso compartido das instalacións polas administracións e operadoras pasa a ser asumido polo goberno do Estado, tanto respecto ás condicións como á propia decisión de obrigatoriedade.
Así, no art. 32 da lei estatal, é o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo o que aproba por Real Decreto, previo trámite de audiencia aos operadores, con carácter xeral ou para casos concretos, a utilización compartida do dominio público ou a propiedade privada na que se van establecer as redes públicas de comunicacións electrónicas o uso compartido das infraestructuras e recursos asociados.
É tamén o Ministerio o que resolverá sobre a petición dunha Administración Pública (coma un Concello) sobre tal uso compartido.

- O art. 35.5 da nova lei estatal obriga a que previamente a medidas de paralización cautelar ou de denegación de instalación, por exemplo, dos concellos respecto de obras de infraestrutura de telecomunicacións, teña que recabarse un informe preceptivo previo – e vinculante - do Ministerio; medida que vulnera a autonomía local.

O control público sobre as telecomunicacións é unha garantía democrática do dereito á información.
Coa nova lei estatal de telecomunicacións prímase o interese privado das grandes operadoras de telecomunicacións fronte ao interese común do control democrático das telecomunicacións e a costa da protección do medio ambiente, dos espazos históricos e da saúde das persoas.
Os concellos, administración máis próxima á cidadanía, perderán competencias nesta materia en beneficio dunha recentralización do Estado.

Polo exposto, proponse a adopción por parte do PLENO dos seguintes ACORDOS:

- A Corporación Municipal de Sober insta ao Goberno da Xunta de Galiza a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Telecomunicacións pola invasión, baleirado e desapoderamento de competencias autonómicas propias.
- A Corporación Municipal de Sober acorda propoñer dentro da FEGAMP a presentación polo número de concellos requeridos dun conflito en defensa da autonomía local ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de Telecomunicacións pola invasión, baleirado e desapoderamento de competencias municipais.

domingo, 4 de mayo de 2014

Unha xornada pola lingua en Ferrol: normalización, medios en galego, estratexia reintegracionista para a lingua e Carvalho Calero na lembranza

O 27 de outubro de 2013, o grupo de mocidade de Anova acudiu a Ferrol a reflexionar sobre a lingua e os xeitos de garantir os dereitos lingüísticos do pobo galego e de como parar o etnocidio que vivimos, coa lingua nunha situación dramática, patente na propia cidade de Ferrol, onde a mocidade apenas fala galego.

* Dúas experiencias heroicas para a normalización da lingua: a Coordinadora de Equipas de Normalización Linguïstica de Ferrol e Avoaescola Sociedade Cooperativa Galega.

Manolo Pazo, presidente da Coordinadora de Equipas de Normalización Linguïstica de Ferrol, explicounos a orixe das coordinadoras de normalización linguïstica nos centros de ensino como estratexia que asumiu o propio profesorado consciente da situación do galego, sen apoio da administración, ao constatar que a Lei de Normalización Linguïstica aprobada polo Parlamento Galego en 1983 non se estaba a cumplir a inicios dos 90'.
Unha serie de mestres e mestras en todo o país asumiron a tarefa de poñer en marcha, con dificultades, estratexias de normalización do galego, de dignificación da lingua en medios onde esta se falaba e ata de dar a coñecer a propia lingua a rapaces e rapazas en medios urbanos que, coma Ferrol, contaban con escaso número de galegofalantes.
En Ferrol os comezos foron difíciles pero, a estratexia adoptada – que a normalización da lingua non quedara dentro dos muros do instituto e atinxira a toda a sociedade – pronto deu froitos en forma de multitudinarios concertos de grupos en galego (Festival da Mocidade coa Lingua), cinema en galego ou concursos literarios.
Así, o profesorado asumiu o que debería ter feito a administración, colleitando éxito e demostrando que, de ter impulsado a Xunta fraguiana a labor normalizadora que o profesorado das equipas de normalización linguïstica levou adiante de xeito heroico, a desaparición de falantes de galego non tería sido tal: o pobo quería fala!

Francisco López, presidente da Cooperativa Popular Avoaescola, presentounos o proxecto de escolas infantís en galego que pretende ser unha rede popular que permita o dereito á escolarización en galego e un ensino democrático e de calidade na etapa infantil.
A sociedade creouse como cooperativa de ensino, aberta á colaboración popular.
O seu primeiro centro é a Avoaescola de Ferrolterra.

- Avoaescola Cooperativa: http://www.galizacogalego.com/
- Escola de Ensino Galego Semente: http://sementecompostela.com/



* Homenaxe a Carvalho Calero diante da súa casa natal: metáfora do estado de Ferrol e da nosa nación.

Diante da casa natal de Ricardo Carvalho Calero fixemos ofrenda floral, tivemos música en directo coa xente da Liga Gaiteira Galega e, logo dunha introdución á obra de Carvalho Calero, entoamos o himno galego ante a atenta mirada dun veciño que sacara a pasear á súa simpática bulldog francesa con colar modelo bandeira de España; “eshta nosche lo quito todo”, díxonos. Meses despois da nosa estancia alí caeu o muro medianeiro da casa do escritor ferrolán ;-)

Aproveitamos para dar un paseo por Ferrol Vello, ameazando ruína, e para coñecer arquitectura modernista de Ferrol, o trazado ortogonal das súas rúas e a permanencia de simboloxía franquista nalgunha fachada. Reflexionamos sobre a decadencia da cidade de Ferrol, cuns niveis de desemprego intolerábeis e sendo a unha cidade que perde poboación, como imaxe do que o noso país será dentro duns anos se non lle poñemos remedio.


* O galego nos medios de comunicación: entre o compromiso e a loita pola supervivencia.

Pituca, de Radio Fene, falounos da experiencia de botar a andar (e continuar) unha radio loca en galego no ano 1984; unha radio que nacía para ser plural, en galego e participativa.
Aprendemos que as radios locais son medios estupendos para a normalización do galego, porque permiten manter a fonética de cada zona do país.
Nos 80' varias radios de ámbito local comezaron a súa andaina, non sen dificultades. Radio Oleiros creouse en 1980 e pechou aos 70 días por orde do gobernador civil; en Fene, a radio conseguiu levarse adiante grazas á mobilización popular.
En 1988 creouse a EMUGA (Emisoras Municipais Galegas), xerme de Radiofusión en 2006, emisora en galego que trata de sobrevivir á crise (fomentada dende a administración galega) dos medios en galego (http://www.radiofusion.eu).
Sinalouse que en 2010 e 2011 a Xunta non convocou axudas para radios locais e que nas ordes de 2012 e 2013 especificouse que a estas axudas non podían acollerse asociacións, o que deixa fóra á maioría das radios locais (en galego).

Sara Torreiro, moza xornalista, falounos da crise dos medios en galego e reflexionamos sobre a responsabilidade dos/as propias xornalistas e da cidadanía á hora de consumir e crear contidos en galego.
Tamén analizamos con exemplos que, no noso país, os medios en galego van ligados a información plural, independente e de calidade.
Sara analizou a influencia positiva de Xornal, un medio que entendía Galiza como espazo de comunicación diferenciado e do que saíu unha importante canteira de xornalistas.
Sinalouse a necesidade de subvencións equitativas para os proxectos editoriais.
Tamén debatemos sobre a necesidade do asociacionismo para o sostemento de medios en galego, da rede como espazo para a independencia informativa ou da necesaria transparencia nas adxudicacións da publicidade institucional.

* Máis aló dunha normativa: a estratexia reintegracionista para o galego.

Da man de Miguel Penas, presidente da AGAL, repasamos a evolución da construción da normativa da lingua galega, dun padrón culto, seguindo unha estratexia diferencialista do portugués, ao compás do desenvolvemento da Autonomía.
Cunha ilustrativa e didáctica exposición repasamos a historia da nosa lingua, a mesma que se fala en Portugal e nos territorios de colonización portuguesa.
No debate, reivindicamos a necesidade de por fin ao enfrontamento de grafías e asumir a tolerancia mutua e mesmo a idea de camiñar cara o binormativismo; ademais, comprendimos que o obxectivo da AGAL non é só unha normativa, senon unha estratexia de mantemento e vivencia da nosa lingua da man da “galaicofonía”, aproveitando os espazos e oportunidades que ese mundo nos abre.

Marchamos da cidade do Naval con numerosas temáticas que discutir para o noso programa político - binormativismo, xeitos de apoio aos medios en galego, estratexias de normalización do idioma, defensa dun ámbito informativo galego... - e coa firme convicción de que somos unha nación sen estado que se constrúe a sí mesma, aturando a galerna da administración autonómica que goberna ao revés do cometido polo que foi creada. Nas mestras que crearon literatura para poder ensinar galego, nas equipas de normalización dos anos 90', nas persoas que cooperan para ofrecer ensino en galego, no reintegracionismo que crea materiais didácticos, nas radios locais ou nas redaccións dos xornais pelexando por dar a información en galego latexa un pobo emancipado que persegue a súa soberanía, o seu dereito a ser.

- Crónica de Paula Vázquez Verao, na véspera das Letras 2014.