lunes, 23 de junio de 2014

Aprobación de ordenanza de saneamento e dúas prazas de socorrista para a piscina


Hoxe, 23 de xuño, houbo pleno extraordinario para tratar os seguintes asuntos.

1. ORDENANZA DE SANEAMENTO
Augas de Galicia comunicou ao Concello de Sober que antes de finais do mes de xuño debía adaptar a súa ordenanza de saneamento ao regulamento marco; do contrario, os concellos que non o fixeran deberían adaptarse aoo Decreto 141/2012 da Xunta de Galicia (ver aquí).
Na nova ordenanza (aprobada cos votos a favor do PP e a abstención da oposición) regúlase todo o relativo ao saneamento, incluído o réxime de sancións.
Tamén se informou no pleno que o Seprona ía exercer a función de vixiancia e inspección, así como pertinentes denuncias no relativo aos verquidos, ao non haber policía municipal.

2. DECLARACIÓN DE POSTO DE TRABALLO DE SOCORRISTA COMO PRIORITARIO
O plan de cooperación da Xunta só concedeu este ano unha praza de socorrista a Sober. Como fan falta dúas para atender as necesidades da piscina, declarouse como prioritario un posto de traballo de socorrista para proceder a contratar a unha persoa para o verán, cos votos a favor do PP e a abstención da oposición.
Ambas prazas de socorrista terán as mesmas condicións laborais (só que unha se contratará unha semana antes e outra rematará unha semana despois) e serán ofertadas a través da oficina de emprego, a través de dúas convocatorias distintas, pois van con cargo a fondos diferentes.

OUTROS ASUNTOS

Haberá xunta de voceiros para analizar dúas cuestións pendentes: a homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo en Sober e unha nova reunión da comisión de turismo. Ambas cuestións, homenaxe e comisión de turismo foron propostas de Paula Vázquez Verao que resultaron aprobadas por unanimidade en anteriores plenos.

jueves, 19 de junio de 2014

Sobre as prazas laborais no verán, o "plan de emprego xuvenil"

* Xa foron seleccionadas as persoas que contratará o Concello de Sober no verán. Aledámonos por estas persoas mozas, pero deixámosvos aquí a nosa opinión sobre estas prazas e a postura que seguimos no pleno. 

Para contratar as seguintes prazas de persoal laboral (para o verán) tiveron que declararse estes postos de traballo como “prioritarios” (por culpa da lei de Orzamentos do Estado, que fixo o PP).

- persoal destinado a Servizos Sociais (cubrir vacacións)
- auxiliares de Turismo (para apertura de Oficina de Turismo nos meses de verán)
- auxiliar de servizo de axuda á cidadanía
- auxiliar de viticultura
- técnico deportivo (colaboración nas piscinas municipais)
- auxiliar de servizos múltiples (cubrir vacacións)

Son os que van incluídos no denominado "plan de emprego xuvenil", que se demostra que é só propaganda, por canto a maioría destes postos de traballo sempre se ofertaron polo Concello de Sober para o verán; non supoñen novidades no emprego municipal.

A nosa posición foi a abstención, porque estamos de acordo en crear emprego dende as administracións, e estas prazas ofertadas son necesarias: porque cubren vacacións de persoal e porque ofrecen servizos que o noso Concello precisa, pero protestamos porque as leis do PP só teñen en conta a estabilidade orzamentaria e non as necesidades reais.

domingo, 15 de junio de 2014

Historia do Punto Limpo e lixo no exterior: aspecto desta mañá

Lixo nos exteriores do Punto Limpo (xuño-2014).
En 2010 despois de pasar anos sen funcinar, aprobouse por fin a ordenanza reguladora do Punto Limpo do Concello de Sober, que se pode consultar aquí (dende a páxina 9).

Aínda así, un ano despois, o nacionalismo denunciou no pleno de setembro de 2011 que, na práctica, o punto limpo era un vertedoiro (ver imaxe aquí), onde o alcalde daquela recoñeceou o mal funcionamento do punto limpo e a necesidade de limpalo e de contar con vixiancia, que se poría con axudas da Xunta. O servizo non comezou a funcionar con regularidade ata a segunda metade do ano 2012.

En novembro de 2013 aprobouse un regulamento de xestión de recollida de residuos urbanos, que inclúe un servizo especial de recollida de voluminosos, que pode realizarse tanto no punto limpo en horario de servizo (non sempre funcionou dúas veces por semana) coma avisando por teléfono e poder depositalos á beira dos contenedores ordinarios.

As persoas usuarias teñen a obriga de respectar as normas de depósito de residuos e o Concello a obriaga de vixiar as instalacións do Punto Limpo, algo que xa se ten tratado nos plenos, porque persiste a acumulación de residuos fóra do Punto Limpo.

Xa notificamos ao goberno local esta situación (a foto é desta mañá). O lixo acumulado fóra é algo habitual e soe recollerse os martes. Apelamos ao civismo para que isto non suceda.