miércoles, 24 de septiembre de 2014

Petición de sinalización de igrexas románicas e petróglifos de Sober


Pedimos a sinalización das igrexas de Pinol e Lobios e estudar unha solución para sinalizar e poder visitar os petróglifos de Proendos do entorno da igrexa, que actualmente non se poden visitar.

Sober é unha das poucas zonas do interior galego que conta cun conxunto importante de gravados rupestres descubertos e accesíbeis.

Están catalogadas unha vintena de penas con gravados prehistóricos e coñécese a existencia de varias penas máis.

Este conxunto de arte prehistórica recibe o interese das persoas visitantes do municipio, pero non son fáciles de atopar, pois só un deles – a Pena do Baldeiros – está sinalizada. 

O conxunto máis importante de petróglifos de Sober atópase en Proendos, onde se sitúan moi perto da igrexa parroquial tres penedas con insculturas: as dúas do Xestal – os motivos máis grandes coñecidos en Sober – e a do Pombal.

As tres penas están en fincas privadas, en mal estado de conservación, sen sinalización algunha e son inaccesíbeis a día de hoxe, habendo solucións sinxelas para poder visitalas, podendo, por exemplo, facer convenios de colaboración coas persoas propietarias das fincas e/ou colocar (no caso das penas do Xestal) uns pasos de acceso ao alto do muro pola parte exterior, de xeito que se poidan contemplar as penas dende o cima do muro. 

Ademais, Sober conta cun románico rural interesante do que ningunha igrexa, a diferencia doutras nos municipios veciños, ten panel explicativo.

O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra financiou, para algunhas igrexas, a colocación de pequenos paneis de metacrilato cunha breve explicación sobre o monumento en galego, castelán e inglés. 


Tendo sido Sober recentemente declarado Concello de Interese Turístico é fundamental coidar a sinaléctica e a accesibilidade dos lugares de maior relevancia histórico-artística do municipio.

Ademais, o coñecemento do patrimonio propio é de gran interese social e cultural para a comunidade.

Por todo isto, proponse ao Pleno do Concello de Sober a adopción do seguinte ACORDO

1. O Concello de Sober solicitará do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra a colocación de paneis informativos nas igrexas románicas de Pinol e Lobios, revisando o Concello de Sober o texto de ditos paneis.

2. O Concello de Sober estudará e desenvolverá para a vindeira tempada turística a sinalización, adecuación do entorno e accesibilidade aos petróglifos do entorno da igrexa de Proendos.

3. O Concello de Sober colocará un panel informativo na parroquia de Proendos, perto da igrexa, indicando a sinalización e breve explicación dos principais fitos históricos: xacemento romano, petróglifos, igrexa e insculturas romanas visibles nos muros (inscultura do muro do camiño da igrexa, triskel do lugar de Proendos), canto menos, solicitando a colaboración das asociacións veciñais e culturais do municipio.




Sober, 23 de setembro de 2014.
Paula Vázquez Verao

martes, 23 de septiembre de 2014

Nova petición para tratar no pleno de novembro sobre o Pazo de Sober

A oposición do Concello de Sober vén de entregar no rexistro municipal unha petición para seguir a tratar sobre a situación do hotel “Palacio de Sober” no pleno ordinario de novembro. 

O pleno de Sober, como órgano de representación democrática da cidadanía do Concello de Sober, é un ámbito onde debater sobre os problemas que afectan á xente de Sober, por exemplo, sobre a situación económica e as alternativas de emprego nunha comarca envellecida e con poucas oportunidades laborais. 

A situación do hotel Pazo de Sober, xa tratada nun pleno monográfico en setembro, é de interese para a cidadanía soberina e os axentes implicados no estado do proxecto empresarial son quen máis pode aportar a esclarecer sobre situación na que se atopa o hotel. 

Por iso, a través dunha moción conxunta dos grupos da oposición, pedimos ao pleno a adopción do seguinte acordo: 

- O Alcalde-Presidente do Concello de Sober incluirá na Orde do Día do vindeiro Pleno Ordinario de novembro un punto relativo á situación do Hotel “Palacio de Sober”. 

 - O Concello de Sober, a través da Xunta de Voceiros municipais, convidará ás partes implicadas a dita sesión plenaria: representante da Xunta de Galicia, representantes da empresa, sindicatos e/ou representantes dos/as traballadores/as. 

 Sober, 23 de setembro de 2014. 

A moción vai asinada polos voceiros e voceira dos grupos municipais da oposición. 

Os grupos municipais da oposición manteñen as demandas que cada un deles formularon no pleno monográfico sobre a situación do pazo de Sober, que se pode consultar aquí

Iñaki Rodríguez Pérez – PsdG 
Paula Vázquez Verao – Grupo non adscrito 
Óscar Alonso Díaz – BNG

martes, 16 de septiembre de 2014

Resumo do pleno sobre o Pazo de Sober: pedimos un plan turístico da zona e que a Xunta faga seguimento do proxecto


O pleno extraordinario monográfico sobre o Pazo de Sober, celebrado a petición da oposición, serviu para coñecer máis datos sobre o estado do hotel "Palacio de Sober". 
Houbo unanimidade na oposición na petición de que a Xunta faga seguimento do proxecto e de que Raquel Arias asista a algún pleno para explicar a situación do Pazo, na súa condición de Delegada da Xunta en Lugo, pero tamén como veciña e como alcaldesa no momento en que o Concello publicitou a iniciativa do hotel coma un éxito propio e prometendo emprego.
A concelleira non adscrita, Paula Vázquez Verao, reclamou un plan turístico da zona que teña en conta o recurso "Palacio de Sober", intstar á Xunta a facer seguimento do proxecto hoteleiro, compromiso de uso público de espazos do Pazo para actividades culturais e unha páxina web con toda a información histórica e artística do Pazo.

* Consulta aquí o cadro informativo-cronolóxico.

O pleno celebrouse sen a comparecencia de persoas externas. A oposición formalizara unha petición de orde do día, pero a orde do día fíxaa a presidencia do pleno, que convocou o pleno cun punto monográfico de debate. 
Quedamos en que para as comparecencias no pleno se proporá na Xunta de voceiros, ao non termos un regulamento de funcionamento do pleno.
Non obstante, a petición da oposición, a alcaldía trasladará a Raquel Arias, como veciña de Sober e alcaldesa no momento de promoción do hotel.

Dende o PP, o alcalde deu lectura a un escrito onde recopilou a información que atopou sobre o estado do hotel "Palacio de Sober" - moita dela xa coñecida, algún dato novo que descoñecíamos - e onde sinalou que o fracaso do hotel é debido a "unha xestión pouco acertada nun momento económico difícil".

Ante as referencias que a alcaldía fixo a que parecía que había unha campaña de inxurias contra Raquel Arias por parte dalgún sindicato, replicamos que este pleno foi pedido pola oposición do Concello de Sober, que non temos que ver coa actuación dos sindicatos (aínda que poidamos coincidir en reivindicacións concretas) e que a petición de comparecencia de Raquel Arias non é unha cuestión persoal, se non que responde ao feito de que sendo ela alcaldesa se promocionou o hotel coma unha gran esperanza de emprego en Sober, utilizándoo nas campañas electorais, co cal tamén hai que dar a cara cando o proxecto vai mal, aínda que sexa responsabilidade dunha empresa privada.

Sobre a acusación de "politizar" un tema coma este, lembramos que quen politizou é quen vendeu o pazo e prometeu postos de traballo mesmo antes de ter comenzado as obras do hotel.

Dende o BNG, Óscar Alonso Díaz incidiu na necesidade de que as administracións que fixeron propaganda desta iniciativa privada se impliquen en dar explicacións ante a veciñanza. "O problema maior do hotel é a frustración de expectativas de emprego nun curto espazo de tempo".
O BNG anunciou iniciativa no Parlamento Galego.
* A intervención de Óscar pode escoitarse aquí.

Dende Anova, a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, sinalou que "a petición deste pleno extraordinario que formalizamos toda a oposición épolo dereito que temos a xente de Sober a coñecer o estado do proxecto empresarial do Pazo, porque xa que foi publicitado polas administracións coma un gran proxecto que ía traer emprego a Sober, xogando coas esperanzas de pequenas empresas e de traballadores e traballadoras da comarca, é de xustiza que, cando o proxecto vai mal, o PP dé a cara ante a veciñanza."
Tamén sinalou o triste que é que nunha comarca rica coma a de Lemos, as esperanzas de obter emprego teñan que vir de que a un rico se lle ocorra invertir aquí, e sinalou a responsabilidade do PP a respecto desta situación, tendo xestionado a Xunta tantos anos sen apostar polos sectores produtivos básicos.
Tamén incidiu en que se os traballadores e traballadoras tiveran responsabilidade na xestión, seguro que o farían mellor, pois dábanse conta xa dende o inicio de que un proxecto así non ía ir ben, porque "se eres gran luxo e estás situado con altos estándares de calidade no mercado internacional ou te adaptas a prezos aos que poida vir xente de todo tipo para poder subsistir como empresa, tal como rematou por facer o Balneario de Augas Santas, ou Paradores. Non se pode estar na misa e repicando. Se se é gran luxo, os cables da cafetería non poden estar á vista, por poñer só un exemplo".
As iniciativas que se trasladaron por parte de Paula Vázquez Verao son as seguintes:

- Instar á Xunta de Galicia a deseñar e coordinar un plan turístico para a zona de Lemos no que se inclúa o hotel Pazo de Sober. 

- Instar á Xunta de Galicia a dar a coñecer ao Pleno de Sober os compromisos concretos de estabilidade no emprego requeridos para a concesión da subvención do IGAPE á empresa Alvaher 98.

- Instar á Xunta de Galicia facer un seguimento do proxecto hoteleiro no Pazo de Sober.

- Instar á Xunta de Galicia a que se ofrezan, dende xa, garantías de uso público de espazos do Pazo de Sober, cun convenio para a realización periódica de concertos e actividades culturais. 

- Elaborar, en colaboración con Turismo da Xunta, unha páxina na rede con información do Pazo de Sober (estruturas, historia, documentación), ben cultural de todo o pobo galego.

 * As intervencións de Paula poden escoitarse aquí.

Dende o PSdG formuláronse as seguintes preguntas, rexistradas tamén no Parlamento de Galicia polo PSdG. 
Se a Xunta coñece a situación do Pazo de Sober, que valoración fai da mesma, cales eran os compromisos de estabilidade de emprego esixidos para a concesión das subvencións, que actuacións ten previstas a Xunta para garantir a estabilidade da empresa e o cadro de persoal e que se vai facer se Alvaher 98 incumple as condicións.
Engadiu tamén a cuestión de "Que actuacións ten previstas o Concello de Sober a respecto do Pazo de Sober"?


Rematou o pleno coa petición conxunta da oposición de que a Xunta faga seguimento do proxecto e de que Raquel Arias asista a algún pleno para explicar a situación do Pazo, na súa condición de Delegada da Xunta en Lugo, pero tamén como veciña e como alcaldesa no momento en que o Concello publicitou a iniciativa do hotel coma un éxito propio e prometendo emprego.

Que o Pazo de Sober, construído en todas as súas épocas históricas co capital xerado polas xentes traballadoras, sexa patrimonio común das xentes de Sober e oportunidade de emprego de calidade.

viernes, 12 de septiembre de 2014

Petición de mellora da Laga e Fonte do Amendo en Barantes


Ante as queixas de veciñanza do lugar, preguntamos sobre a fonte e laga arranxada en Barantes de Abaixo a través do Plan Leader, pois o resultado do arranxo é insatisfactorio.

A obra foi de 2.530 €, realizada durante a anualidade 2013-2014 polo GDR Ribeira Sacra (do Plan Leader) e impulsada polo Concello de Sober, xunto con outras fontes do concello.

O investimento total de todas as fontes foi de 16.677,89 €.

A obra estaba destinada a rehabilitar a laga existente e o entorno da fonte do Amendo, pero o resultado é insatisfactorio, como xa lle fixemos saber ao goberno local.

A laga, que xa fora adecuada pola parroquia como lavadoiro, cunha obra tradicional en pedra, non permite utilizala como lavadoiro, pois non consigue gardar a auga de xeito normal e non corre, co cal queda estancada no fondo.

A fonte revocouse con cemento, quedando con bastante impacto visual, a diferencia doutras fontes arranxadas no concello, nas que se coidou a estética. A fonte tiña un pouco de ladrillo á vista que se deixou igual, en lugar de darlle un acabado bon.

Tampouco quedou ben acabado o entorno da fonte, onde se fixo un muriño de pedra moi irregular e se. Deixouse sen enlousar o entorno da fonte para que non se enchera de maleza, como así sucede, pois só se botou algo de gravilla.

Ademais, o banco que se colocou ao lado do letreiro é un bloque de pedra que non encaixa co entorno.

Por outra parte, non se mantivo a denominación tradicional do lugar - Fonte e Laga do Amendo -, facéndose un letreiro cun aséptico “Fonte – Lavadoiro”.

Dende a asemblea nacionalista de Anova de Sober pedimos ao Concello de Sober no vindeiro pleno ordinario que se adecue a laga para que a auga non se estanque no fondo e se mellore o acabado da obra. 

lunes, 1 de septiembre de 2014

Apertura dos comedores escolares no verán? O que cómpre é mellorar o tratamento integral das familias.


* Opinión sobre a apertura de comedores escolares no verán, expresada no debate Sexta Feira, ao que Anova do sur lucense acode os venres en Cadena Ser Monforte. Intervención de Paula Vázquez Verao. 

O ano pasado, xa AGE presentara unha iniciativa instando á Xunta de Galicia á elaboración dun estudo para detectar as necesidades en materia nutricional do alumnado galego e establecer un protocolo de colaboración específico coas administracións locais, proposta que foi rexeitada de xeito continuado polo grupo do PPdeG.

Durante este ano, AGE volveu denunciar a situación de menores en risco de pobreza, sempre coa insensiblidade do grupo popular. Houbo que esperar ao último pleno, celebrado o 10 e 11 de xuño, para que os populares asumisen o grave problema e a necesidade de actuar. 
 
A iniciativa de apertura de comedores escolares plantéxase como medio de facerlle fronte á situación de fame de nenos e nenas galegas. A resultadas desta proposta de AGE, aprobouse por unanimidade que:

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estar en situación de vulnerabilidade, poñéndose en marcha convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos en colaboración cos servizos públicos de benestar".

Este acordo, de primeiras, supón recoñecer unha realidade que o PP non quería admitir: hai nenos e nenas en Galiza que pasan fame e que só tiñan garantida unha boa comida no comedor escolar.

Iso si, dende Anova do sur de Lugo consideramos que a apertura de comedores escolares no verán é unha medida insuficiente: a realidade é que as familias desas nenas e nenos tamén pasan necesidade. Pasa fame toda a familia, non só as nenas e nenos; e todo o día, non só á hora de xantar. É unha medida “parche” e non pensa de xeito global como solucionar o problema da pobreza en Galiza.

Non é admisible é a falta de reacción do PP, que aínda non fixo nada por poñer a andar un programa de atención global á infancia en risco de pobreza. 

O Colexo Oficial de Traballo Social de Galicia advirte que oque hai que facer é aumentar a partida de Axudas parasituacións de Emerxencia Social (AES) e taménas partidas orzamentarias municipais para axudasde emerxencia, que permiten ás familias necesitadas atender ás necesidades básicas. O Colexo de Traballo Social advirte, ademais, que “estas axudas deben ser reais, efectivas e rápidas” e que non se demoren na súa tramitación e adxudicación, porque, avisan, “a situación en moitos casos é límite”. 

En cambio, a realidade é outra: lembremos que o goberno da Xunta de Galiza deixou o ano pasado sen executar o 42% do orzamento destinado a estas axudas de emerxencia e o 36% da partida de ‘Axudas e subvencións de servicios sociais’. Lembremos tamén o retraso de meses que se produce na tramitación e abono da RISGA, Renda de Integración Social de Galicia, deixando ás persoas que a precisan sen ningún tipo de ingreso durante moito tempo. O gasto nas partidas sociais do orzamento da Xunta, dende que chegou Feijóo, reduciuse ano a ano, mentras aumentou o gasto destinado ao pago da débeda.

Non debería existir o estigma da pobreza, non ter cartos non debería ser motivo de burla nunha sociedade que está feita para que moita xente se empobreza; pero éo, porque é unha sociedade falta de valores, porque o sistema impón a ideoloxía falsa de responsabilizar a cada persoa pobre da súa situación. Na escola, na pública, edúcase con moito esforzo en valores, pero é moi difícil traballar en contra de todo o que bombardean os medios de comunicación, e que un neno ou nena sexa diferente ou pase fame é motivo de burla, por iso aínda hai moitas familias que non levarían a xantar a fillos e fillas ao comedor, que buscarían outras alternativas polo medo á estigmatización. Así, sería fundamental que se abrise o comedor con posibilidade de ir todas e todos os nenos e nenas, complementando a actividade do xantar con actividades lúdicas e formativas no verán, o que ademais xeraría emprego público. En cambio, o PP prefire recortar en servizos no ensino público, coma na cociña do colexo de Manzaneda.

Ademais, o acordo unánime do parlamento indica que a búsqueda de solucións ao problema da fame se faga de acordo cos concellos e que se poida realizar a apertura de comedores escolares, se é o caso, de xeito coordinado cos servizos sociais de cada municipio, asumindo, iso si, os costes, a Xunta.
A intervención dos servizos sociais municipais é fundamental, porque son estes quen coñecen a realidade a pé de rúa e as necesidades de cada comunidade. As equipas dos servizos sociais municipais deberían ter os recursos suficientes para evitar os problemas de exclusión social, actuando segundo as características da súa comunidade. Así, haberá municipios onde sexa acaído abrir o comedor do cole, coa posibilidade de abrilo a toda a familia dos nenos e nenas con dificultades (porque a familia tamén pasará fame e porque é importante manter a sociabilidade dos nenos e nenas coas familias á hora de comer); noutros concellos, en cambio, pode ser máis acaído recorrer a bonos para que toda a familia merque os alimentos necesarios para unha alimentación correcta.

O lóxico é que sexan os servizos sociais municipais quen teñan recursos suficientes para atender estas necesidades, pero o problema é que os servizos públicos municipais cada vez están máis ameazados: por recortes nas partidas orzamentarias e pola lei de reforma local, que resta competencias aos concellos, e todo por adaptarse a normas europeas que estan empeñadas en reducir o déficit público a costa de que os servizos básicos se privaticen, xerando negocio para uns poucos e perda de servizos e dereitos básicos para os máis. Toda esta lóxica privatizadora de servizos públicos agrava o problema da pobreza. 

Queda aínda moito que traballar no eido de revertir o maior problema da nosa sociedade: a pobreza.
“Segundo os datos oficiais, en Galiza hai 93.000 familias con todos os seus membros en paro, o 23% da poboación atópase en situación de pobreza, 33.000 familias sobreviven sen ningún tipo de ingreso e un 26% dos fogares con menores a cargo están en risco de exclusión social. Un de cada catro menores de dezaseis anos vive por debaixo do umbral da pobreza no noso pais, segundo o Instituto Nacional de Estatística, na mesma liña en que se teñen manifestado organizacións como UNICEF, Caritas e Cruz Vermella.”

A solución dos comedores está ben onde sexa acaída tendo en conta as características da comunidade, pero é insuficiente e hai moitas máis accións que poñer en marcha dende as administracións para evitar a pobreza no noso país, e as políticas do PP van no sentido contrario ao que deberían para facer fronte a esta lacra social. Garantir unha alimentación suficiente e de calidade á poboación debería ser a principal prioridade do goberno galego; en cambio, a prioridade de Feijóo é o pago da débeda. “A débeda ocupa xa un 20% do orzamento da comunidade e un 18,2% do PIB, cando en 2009 era un 8,7% do PIB”.

- Ver tamén a posición da Confederación de ANPAS galegas aquí.