viernes, 27 de febrero de 2015

Chamado á veciñanza: pola unidade popular!



Na Asemblea Nacionalista de Sober acordamos apoiar e impulsar unha candidatura de unidade popular para as eleccións municipais de maio no noso Concello, nun momento no que vemos os límites do réxime político español e a súa corrupción estrutural e tras anos de crise e de políticas que esmagan á xente do común.

Os concellos, coas políticas do PP, quedaron baleiros de moitas competencias para poder atender ás necesidades da veciñanza, cada vez máis afogada pola situación económica.

Para que poidamos vivir e traballar en Sober podemos contribuír a reverter esta situación como xa vimos practicando na Asemblea Nacionalista de Sober, que cremos que pode e debe ampliarse e consolidarse.

Propoñémosvos:

– Crear un espazo asembleario de traballo social e político de esquerda en Sober, onde poida participar calquera persoa, nacionalista ou non, sen importar se milita ou non en organizacións políticas nin en cales. Xuntos na defensa das maiorías sociais, do dereito do pobo galego a decidir, do ecoloxismo, do feminismo, da non discriminación, e da cultura cívica de participación e de acción política democrática.

– Impulsar unha candidatura de unidade popular en Sober para maio de 2015, elaborada de xeito totalmente transparente e democrático, na que poida participar calquera persoa de Sober que se sume ao proceso e acepte uns principios éticos e políticos compartidos, que se aprobarán pola propia asemblea.

Para iso, continuaremos cos contactos entre xente e colectivos de Sober para consolidar ese espazo de unidade no noso Concello e convocaremos unha xuntanza aberta para a elaboración dun programa electoral centrado na revitalización da vida económica e social da nosa zona e comezar o proceso de formación da candidatura.

Chamámosvos dende a Asemblea Nacionalista de Sober alto e claro porque temos decidido poñer todas as nosas forzas para que en maio de 2015 haxa unha candidatura de unidade popular en Sober.

Sober, febreiro de 2015
Asemblea Nacionalista de Sober

No hay comentarios:

Publicar un comentario